|
Se muestran los artículos pertenecientes al tema Latexos. 02/04/2005Renacer O alento do mar, cargadiño de fragancias mariñas, xogaba a desfacerlle os cabelos. Ao lonxe, os barcos viñan da faena, pero a ela ningún lle dicía nada. Pechou os ollos e mergullouse en novos vieiros que se facían paso no maxín. Acostumada a dor, de quen sempre espera, decatouse que aínda seguía varada en augas lonxanas. Anoitecía. A friaxe sacouna das cavilacións e, na beiramar, o faro lembráballe que xa non había treboada. Que só tiña que seguir o novo camiño, máis seguro, sen rochas. Detivo os pensamentos e a natureza parou a súa actividade. Un sorriso deu en aparecer na súa cara, como o amencer nunha noite de inverno. El, cuxa simbiose do mar coa súa pel aínda non desaparecera, estaba a dous pasos dela, observando con tenrura, e acompañouna no sorriso. A ligazón das súas almas era moi forte, por eso coñecía a marea de pensamentos que pasaba pola súa mente. Ata agora o mar déralles a vida, pero sempre ameazando con levala as profundidades. Diante, un novo horizonte. Un novo camiño, no que recordaría sempre a imaxe da persoa amada, na tensa espera, como a mellor mostra de amor. Era un renacer. 17/03/2005O segredo da árboreUn home moi coñecido na vila por ser persoa de certo misterio sentouse ao seu carón. Aínda que tiña moita vitalidade, todos coincidían en que era o máis ancián. Pero o que lle preocupaba a xente era a súa procedencia. Non direi aquí os contos que vagan en siseo de verbas agachadas, pois semellan mais lenda que verdade. Alí onde el andaba, un medio sorriso ía con el. Eso era de desconfiar. Un home normal non pode estar sempre feliz. Tiña que haber escuridade. A imaxe era de antagonismo. O vello con aquel sorriso radiante e a muller, ben podería ser neta, ausente, sen vida. Como se recordara algo de súpeto, o home dixo: - ¿Sabes que? ¡Vouche contar un segredo! Ela seguía sen inmutarse, pero a el non lle parecía importar, como se comprendera. - ¿Ves esa árbore de alí? ¡É curioso como ten o peito aberto! Non sempre foi así. Farto de aguantar nesa postura estática, de aturar todo tipo de inclemencias, de sufrir soidade, decidiu marchar. Parece conto, pero non. Rachou o traxe de madeira e liscou a alma espallando moita luz – fixo un xesto coas mans, como se tivera ás-. Din que mudou a aguia. Agora voa, para ter liberdade. Desde aquela non se volveu a saber da muller. 14/03/2005Tanxidos dunha campá, laios dunha mullerComezaron a oírse laios de muller. Facían tremer máis que o trono, que xa avisaba. Un repicar de campá mesturouse nesta sinfonía fantasmagórica e figuras escuras fixeron aparición. Homes e mulleres saían da nada. Había presa e inquietude. Na aldeíña todos querían axudar, porque cando un veciño perdía unha vaca, baixo badaladas todos saían na súa busca. Naqueles tempos perder unha vaca era case morrer. 08/03/2005A labrega (dedicado á Muller, no seu día)Unha primeira muxica de luz aloumiña os montes do Testeiro e do Paraño, que ergueitos abrazan o val, onde durme unha pequena aldea chamada Cerdeira. Unha mulleriña érguese do leito e pola súa cabeza corre un pensamento; coma unha besta con gadoupas, rabuña, e lémbralle a obriga, de facer algo aínda que doa: vivir. A súa pel, labrada coma os montes que a rodean, testemuña ríos de bagoas e suor. Prende a cociña de ferro cuns leños e pon o leite a ferver. Ca mesma inercia, ca man esquerda colle un retrato, que sempre ten preto, do seu fillo; e na outra un pano, no que verte as bágoas do día. - ¡Ay! ¡Meu fillo emigrado! Despois do almorzo colle o sacho; e de camiño a horta, tópase cas veciñas: -¿E logo vas por nas patacas? -Vou, vou. -¿E o teu fillo que tal veu? -Seica ven nun ano. Deixa as veciñas e marcha cara a finca. Cando está a certa distancia: - ¡Qué pena de muller! Di que ven para o ano... ¡cando leva polo menos un mes en Sanxenxo! 07/03/2005¡PAZ!¿Esto é realidade? Non sei, semella un soño: estou nun prado, coroado de crisantemos; tal que o recendo que producen, empápase en min, mesmo coma un coador ó atravesarme a brisa. É de verdade un intre fermoso. Algo cae do ceo. Branco. É un paxaro, xa sei, unha pomba, que con suavidade aterra o meu carón. Non me veu; agora estou no certo, que mágoa que sexa un soño... supoño que esto non sería deserción. Está tan preto de min que sinto como as patiñas rozan as herbas, o seu pausado respirar e... ¿Será verdade? ¡Os seus latexos! Un calafrío percorreume todo o corpo, case doe. ¿E agora que vexo? ¿Un home? ¡Sí! ¿Que fai? ¡Non pode ser! Un estrondo e un berro meu atravesaron o aire, a vez que o dedo decidido, premeu no disparador. O vil metal profanou a pequena beleza. ¡Espertei! Non era soño ¡Era pesadelo! Limpo a suor, e aínda dubido da realidade, pois a xanela está aberta e unha ramiña de oliva xace sobre as sabas. De novo todo se funde en negro, e logo distingo unha realidade gris. Sinto un alento. A alguén lle costa respirar. ¡Non! ¡Son eu! Esto é real, e sinto dor, o inimigo estanos atacando e alguén berra con loucura: - ¡Retirada! ¡Retirada! ¡Bombardéannos! 05/03/2005¡Que boneca!O que me hipnotizou foron os seus ollos. Eran de cor mel, e fitaban na ánima, tal un libro aberto; os cabelos, resplandecente acibeche, eran debuxados polo aire en fermosas ondiñas; a pel, aínda que trapo, semellaba seda, tocala era máis do que o meu velo de punta resistía, eu penso que crebaba. Recordo que unhas risas sacáronme do abraio, proviñan dos meus pais. - ¿Gústache o que che trouxeron os “Reis” Amanda? - ¡Sí, gracias! ¡Que boneca! Sen dúbida, ese foi o meu mellor regalo. 04/03/2005MorriñaA lexión romana detívose de súpeto, era de tal incredulidade o que estaban vendo que mais dun veu dar no chan, sen sentido; o Sol deitábase baixo o mar, e esto non se vira nunca no poderoso imperio. - Chamarase Finisterre, pois estamos no fin da Terra. Séculos máis tarde, Cristobal estaba a carón do fillo, co brazo estendido cara a liña do horizonte, brillo nos ollos e gloriosa ledicia. - Alén do mar, comeza unha nova terra, que teu pai descubriu. Medio milenio despois, unha familia de emigrantes galegos veraneaba nunha praia de México. O mais pequeno, de seis anos, tiña ganas de brincar, e tiraba dos pais. Os dous, collidas as mans, miraban o mar, con emoción contida. Era unha xanela, e só eles vían a través. O neno, impacientado, foi xunto o irmán maior. - ¿Que lles pasa a papá e mamá? - Chámanlle morriña. |
Soños dun Pergamiño Neste espazo mergullareime para compartir pequenos retratos da realidade, que en poucos casos darán reflexo do meu diario sentir. Agardo que os protagonistas sexan os vosos comentarios e a musicalidade desta fermosa lingua.
TemasArchivosEnlaces |