Blogia
Soños dun Pergamiño

A procesión

A procesión A cruz desdebuxada collía forma segundo os redobres ían en crescendo. As pombas, co estrondo, emprenderon axitado voo; coma aladas representacións do Espírito Santo, ollaban á xente amorearse na beirarrúa. Algúns nenos fitaban o ar, espreitando unha abstracción da realidade, e que pantasmas fixeran aparición; un grupiño, sinxelamente, choraba.

Algúns turistas, cuxa cámara semellaba unha extensión ocular, tiñan a rúa por alfombra vermella, e os confrades por estrelas.

Un home, trala súa corneta, arrecía en bágoas, adoecendo co peso da crucifixión; outro, baixo a escuridade do capirote, maldicía a carga do madeiro tanxible. Ningún ruín, ningún santo; nembargantes, nos anónimos había diferentes sentires: os carnavalescos acenando aos coñecidos, os penitentes desexando ser perdoados, os agradecidos ca súa feliz iluminación...

Mentres tanto nalgún lugar da África, en procesión, cos pés nus, escuras figuras camiñaban; tiñan o loito tatuado na pel. Unha nai, desfeita en laios, daba enterro o seu meniño, que non chegara a degustar o mel da vida.

0 comentarios