
Espreguízase a natureza e co seu boquexo espalla as súas fragrancias tralos pasos de Perséfone, a personificación da primavera, que despois de seis meses estende os seus brazos. Tralo seu camiñar as flores van saíndo baixo os pes divinos e unha luz cálida substitúe o xélido inverno que este ano asoballounos co seu alento polar. Cun sorriso da deusa os namorados deséxanse abrazos e mergúllanse na intimidade baixo a luz de Venus.
Nunha danza de luz e cor, os pasos da divindade tropezan ca terra dos mil ríos. Alí onde esperaba fermosura había sequidade e montes queimados. Parou a súa actividade, e alzando os brazos en actitude desoladora, o ceo escureceuse e comezou a chorar. Sorprendendo as delicadas formas de Flora na súa primeira colleita.
0 comentarios