Blogia
Soños dun Pergamiño

O demo do medo

Sexto sentido ( II )

Fai uns días conteivos que lles deixara unha cámara a dous nenos para que fotografaran aquelo que temían. Un demo que só eles podían ver. Fixen unha presentación co resultado. Xulgade vos mesmos. Descargar.

Tanxidos dunha campá, laios dunha muller

Tanxidos dunha campá, laios dunha muller O silencio palpábase no ar. Uns nuboeiros ollaban a aldeíña coma xigantes que asoballan, amedrentando con furia crecente. Cheiraba a treboada.

Comezaron a oírse laios de muller. Facían tremer máis que o trono, que xa avisaba. Un repicar de campá mesturouse nesta sinfonía fantasmagórica e figuras escuras fixeron aparición. Homes e mulleres saían da nada. Había presa e inquietude.

Na aldeíña todos querían axudar, porque cando un veciño perdía unha vaca, baixo badaladas todos saían na súa busca. Naqueles tempos perder unha vaca era case morrer.

¡Qué pesadelos tiña de neno!

Era tódalas noites, unha tras outra, sen tregua. ¡Que arrepíos tiña só con lembralo!; o medo non cabía en min. Eses ollos que me fitaban na raia da porta entreaberta, de mirada sanguinolenta, negro coma carbón, se ben a negrura mais cunha cor, semellaba carencia de contido.

Eu tapábame e comezaba a suar, reprimindo as ganas de berrar; para non provocalo. Algunha vez achegábase a min e sentíao rir; era risa do demo, deleitándose co mal. Nun mar de suor e bagoas fervía, totalmente quedo.

Agora que o penso, moi mal tiña que vir meu pai de traballar na mina.