Blogia
Soños dun Pergamiño

Inquedanzas do Pergamiño

Teño un presentimento, case certeza, se ben a certeza levaríame á loucura. Sospeito que me observan. A cotío. Coma se me fitaran desde outra dimensión. Ás veces están moito tempo sen deixar de mirar, deitan a súa mirada e percórrenme de dereita a esquerda.

Algúns producen sons, semellan rezos; outros falan comigo, mediante pensamentos. Dunha vez dixéronme que tiña mala cor, que estaba moi escuro; aclarei a pel e non oín máis queixas; doutra dedicáronme fermosas verbas, e sentín rexuvenecer. Nembargantes sufro cando están inexpresivos, non din nada, esvaecen.

Non sei se serán divagacións dun vello, un coiro queimado polo transcorrer dos días. Ó mellor son soños. Case estou convencido. Desta maneira os que me fitan non me farían mal ningún, rexeitaría os pesadelos, e os mellores intres retrataríaos coma agradables soños, os Soños dun Pergamiño.

0 comentarios