Blogia
Soños dun Pergamiño

Renacer

Renacer O alento do mar, cargadiño de fragancias mariñas, xogaba a desfacerlle os cabelos. Ao lonxe, os barcos viñan da faena, pero a ela ningún lle dicía nada. Pechou os ollos e mergullouse en novos vieiros que se facían paso no maxín. Acostumada a dor, de quen sempre espera, decatouse que aínda seguía varada en augas lonxanas.

Anoitecía. A friaxe sacouna das cavilacións e, na beiramar, o faro lembráballe que xa non había treboada. Que só tiña que seguir o novo camiño, máis seguro, sen rochas. Detivo os pensamentos e a natureza parou a súa actividade. Un sorriso deu en aparecer na súa cara, como o amencer nunha noite de inverno.

El, cuxa simbiose do mar coa súa pel aínda non desaparecera, estaba a dous pasos dela, observando con tenrura, e acompañouna no sorriso. A ligazón das súas almas era moi forte, por eso coñecía a marea de pensamentos que pasaba pola súa mente. Ata agora o mar déralles a vida, pero sempre ameazando con levala as profundidades. Diante, un novo horizonte. Un novo camiño, no que recordaría sempre a imaxe da persoa amada, na tensa espera, como a mellor mostra de amor. Era un renacer.

2 comentarios

andrea -

Precioso; lástima que seza difícil iso de renacer..

kaplan -

ke lindas son as suas fotos. un saúdo