Blogia
Soños dun Pergamiño

O segredo da árbore

O segredo da árbore As mans mortas sobre as pernas xuntas, mirada baleira de emoción e palpebrexo rítmico. Estaba sentada no mesmo sitio, na mesma postura de sempre, tal unha escultura. Cada serán era o mesmo ritual.

Un home moi coñecido na vila por ser persoa de certo misterio sentouse ao seu carón. Aínda que tiña moita vitalidade, todos coincidían en que era o máis ancián. Pero o que lle preocupaba a xente era a súa procedencia. Non direi aquí os contos que vagan en siseo de verbas agachadas, pois semellan mais lenda que verdade. Alí onde el andaba, un medio sorriso ía con el. Eso era de desconfiar. Un home normal non pode estar sempre feliz. Tiña que haber escuridade.

A imaxe era de antagonismo. O vello con aquel sorriso radiante e a muller, ben podería ser neta, ausente, sen vida. Como se recordara algo de súpeto, o home dixo:

- ¿Sabes que? ¡Vouche contar un segredo!

Ela seguía sen inmutarse, pero a el non lle parecía importar, como se comprendera.

- ¿Ves esa árbore de alí? ¡É curioso como ten o peito aberto! Non sempre foi así. Farto de aguantar nesa postura estática, de aturar todo tipo de inclemencias, de sufrir soidade, decidiu marchar. Parece conto, pero non. Rachou o traxe de madeira e liscou a alma espallando moita luz – fixo un xesto coas mans, como se tivera ás-. Din que mudou a aguia. Agora voa, para ter liberdade.

Desde aquela non se volveu a saber da muller.

0 comentarios