|
Se muestran los artículos pertenecientes a Marzo de 2005. 01/03/2005FÍXOSE A LUZBusco entre recordos, aqueles folios antigamente escritos; constelacións con estrelas movedizas, que se esvaecen en trazos inintelixibles. A sopa de letras confúndeme nun remuíño de imaxes que se suceden vertixinosamente; ó final, tebras. Chego a un profundo pozo negro, con fondo impalpable; tal é a nada. Desorientado. Perdido. Mergullado na escuridade, o que sexa esta. Boto as mans a cabeza e berro; non sinto mans, nin produzo son algún. Perdo a esperanza e desespero. Inquietude da ánima. De súpeto unha luz cegadora invádeme, de forma que desexo a escuridade. Sinto que me desprazo. Ascendo. Non, caio vertixinosamente. Este debe ser o fin. Detéñome e sinto unha latencia, o tempo. Algo en min medra. Fai eco nos meus sentimentos. Quero aferrarme a ese latexo. Fíxose a luz e vexo... ... o cursor parpadexando, á espreita de verbas. 01/03/2005 20:17 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. 03/03/2005¡Qué pesadelos tiña de neno!Era tódalas noites, unha tras outra, sen tregua. ¡Que arrepíos tiña só con lembralo!; o medo non cabía en min. Eses ollos que me fitaban na raia da porta entreaberta, de mirada sanguinolenta, negro coma carbón, se ben a negrura mais cunha cor, semellaba carencia de contido. Eu tapábame e comezaba a suar, reprimindo as ganas de berrar; para non provocalo. Algunha vez achegábase a min e sentíao rir; era risa do demo, deleitándose co mal. Nun mar de suor e bagoas fervía, totalmente quedo. Agora que o penso, moi mal tiña que vir meu pai de traballar na mina. 04/03/2005MorriñaA lexión romana detívose de súpeto, era de tal incredulidade o que estaban vendo que mais dun veu dar no chan, sen sentido; o Sol deitábase baixo o mar, e esto non se vira nunca no poderoso imperio. - Chamarase Finisterre, pois estamos no fin da Terra. Séculos máis tarde, Cristobal estaba a carón do fillo, co brazo estendido cara a liña do horizonte, brillo nos ollos e gloriosa ledicia. - Alén do mar, comeza unha nova terra, que teu pai descubriu. Medio milenio despois, unha familia de emigrantes galegos veraneaba nunha praia de México. O mais pequeno, de seis anos, tiña ganas de brincar, e tiraba dos pais. Os dous, collidas as mans, miraban o mar, con emoción contida. Era unha xanela, e só eles vían a través. O neno, impacientado, foi xunto o irmán maior. - ¿Que lles pasa a papá e mamá? - Chámanlle morriña. 05/03/2005¡Que boneca!O que me hipnotizou foron os seus ollos. Eran de cor mel, e fitaban na ánima, tal un libro aberto; os cabelos, resplandecente acibeche, eran debuxados polo aire en fermosas ondiñas; a pel, aínda que trapo, semellaba seda, tocala era máis do que o meu velo de punta resistía, eu penso que crebaba. Recordo que unhas risas sacáronme do abraio, proviñan dos meus pais. - ¿Gústache o que che trouxeron os “Reis” Amanda? - ¡Sí, gracias! ¡Que boneca! Sen dúbida, ese foi o meu mellor regalo. 07/03/2005¡PAZ!¿Esto é realidade? Non sei, semella un soño: estou nun prado, coroado de crisantemos; tal que o recendo que producen, empápase en min, mesmo coma un coador ó atravesarme a brisa. É de verdade un intre fermoso. Algo cae do ceo. Branco. É un paxaro, xa sei, unha pomba, que con suavidade aterra o meu carón. Non me veu; agora estou no certo, que mágoa que sexa un soño... supoño que esto non sería deserción. Está tan preto de min que sinto como as patiñas rozan as herbas, o seu pausado respirar e... ¿Será verdade? ¡Os seus latexos! Un calafrío percorreume todo o corpo, case doe. ¿E agora que vexo? ¿Un home? ¡Sí! ¿Que fai? ¡Non pode ser! Un estrondo e un berro meu atravesaron o aire, a vez que o dedo decidido, premeu no disparador. O vil metal profanou a pequena beleza. ¡Espertei! Non era soño ¡Era pesadelo! Limpo a suor, e aínda dubido da realidade, pois a xanela está aberta e unha ramiña de oliva xace sobre as sabas. De novo todo se funde en negro, e logo distingo unha realidade gris. Sinto un alento. A alguén lle costa respirar. ¡Non! ¡Son eu! Esto é real, e sinto dor, o inimigo estanos atacando e alguén berra con loucura: - ¡Retirada! ¡Retirada! ¡Bombardéannos! 08/03/2005A labrega (dedicado á Muller, no seu día)Unha primeira muxica de luz aloumiña os montes do Testeiro e do Paraño, que ergueitos abrazan o val, onde durme unha pequena aldea chamada Cerdeira. Unha mulleriña érguese do leito e pola súa cabeza corre un pensamento; coma unha besta con gadoupas, rabuña, e lémbralle a obriga, de facer algo aínda que doa: vivir. A súa pel, labrada coma os montes que a rodean, testemuña ríos de bagoas e suor. Prende a cociña de ferro cuns leños e pon o leite a ferver. Ca mesma inercia, ca man esquerda colle un retrato, que sempre ten preto, do seu fillo; e na outra un pano, no que verte as bágoas do día. - ¡Ay! ¡Meu fillo emigrado! Despois do almorzo colle o sacho; e de camiño a horta, tópase cas veciñas: -¿E logo vas por nas patacas? -Vou, vou. -¿E o teu fillo que tal veu? -Seica ven nun ano. Deixa as veciñas e marcha cara a finca. Cando está a certa distancia: - ¡Qué pena de muller! Di que ven para o ano... ¡cando leva polo menos un mes en Sanxenxo! 09/03/2005Natureza sabiaNa alameda, á carón dun estanque, hai un grupiño de pombas, moi quedas, semella que invernan. Pero o máis interesante é que todas miran na mesma dirección. Fai tanto frío que doe moverse. Coido que teño o maxín conxelado e as verbas es-va-ran. É Te-rri-ble ¡Co-mo tre-mo! Non sei, pe-ro algo me di que a na-tu-re-za é sabia; farei coma as pom-bas e rezareille a ese san-to, que só e-las ven. Milagre. Descubrín ó santo. Lourenzo, como lle chaman algúns, o Astro Rei, o Sol. ¡Que gustiño! Máis adiante, tiven outra revelación: os patos fan o mesmo, pero con máis mérito, á “pata coxa”. De súpeto algo se move. É incrible. Este paxaro supéraos a todos. Vai dun lado para outro como se a xeada non fora con el, e non contento da súa fazaña, plántase ó meu carón sen medo ningún, e coma unha República, de costas ó Astro Rei. Agora entendo como hai tantos destes pequechos. ¡Quen tivera o segredo dos pardais! 09/03/2005 21:23 Enlace permanente. Hay 3 comentarios. Diario dunha Lareira (proximamente).Dentro de pouco Lareira contaranos, en primeira persoa, receitas da cociña galega. 10/03/2005Inquedanzas do PergamiñoTeño un presentimento, case certeza, se ben a certeza levaríame á loucura. Sospeito que me observan. A cotío. Coma se me fitaran desde outra dimensión. Ás veces están moito tempo sen deixar de mirar, deitan a súa mirada e percórrenme de dereita a esquerda. Algúns producen sons, semellan rezos; outros falan comigo, mediante pensamentos. Dunha vez dixéronme que tiña mala cor, que estaba moi escuro; aclarei a pel e non oín máis queixas; doutra dedicáronme fermosas verbas, e sentín rexuvenecer. Nembargantes sufro cando están inexpresivos, non din nada, esvaecen. Non sei se serán divagacións dun vello, un coiro queimado polo transcorrer dos días. Ó mellor son soños. Case estou convencido. Desta maneira os que me fitan non me farían mal ningún, rexeitaría os pesadelos, e os mellores intres retrataríaos coma agradables soños, os Soños dun Pergamiño. 11/03/2005A queixume do 11MHoxe sinto unha queixume. Unha dor que se mergulla no aire e faise irrespirable. Doe camiñar, doe pensar. Coido que teño cravada unha espiña desde fai un ano. Xiro sobre min mesmo e véxoa pendurada. Quítoa. É de día pero hai estrelas. Coma se fora dono da realidade dinlles unha orde: que se fixeran fugaces e que chegaran a cada doente ¡Que comece a cicatrización! 11/03/2005 07:48 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. 12/03/2005Sexto sentidoDin que os nenos posúen un sexto sentido polo que ollan outra realidade. Non o creo, pero coñezo dous rapaces, cando menos, inquedantes. Ás veces falan de cousas... nesa fase camiñan entre soños e pesadelos. Escribo esto porque ultimamente prefiro as súas brincadeiras que o seu mutismo. Comeza a pesar esa escuridade. Parece mentira en min, pero a verdade é que teño unha pequena inquietude. Hoxe deixareilles unha cámara, coa intención de que cando vexan as imaxes fotografadas, baleiras de demos, non sigan con ese conto. Seguramente retratarán parvadas, xa vos ensinarei. 14/03/2005Tanxidos dunha campá, laios dunha mullerComezaron a oírse laios de muller. Facían tremer máis que o trono, que xa avisaba. Un repicar de campá mesturouse nesta sinfonía fantasmagórica e figuras escuras fixeron aparición. Homes e mulleres saían da nada. Había presa e inquietude. Na aldeíña todos querían axudar, porque cando un veciño perdía unha vaca, baixo badaladas todos saían na súa busca. Naqueles tempos perder unha vaca era case morrer. 15/03/2005Solitario¡Eh, lúa! ¡Que calada estás! ¡Cóntame algo! Que apagadiña te vexo. Se me falases seguro que me sorprenderías cunha fermosa voz, porque ademais de bela, estou no certo de que tes por voz música celestial; fagamos un dúo e sexamos unha mesma estrela. Quixera que foras a miña amiga, que me acompañases, pois non podo durmir. Sempre estou á dúas velas. Obsérvote para que non doa o tempo. Véñenme unha chea de problemas á cabeza, problemas que non teñen solución, que non podo facer nada. Pésame o futuro. Morrerei sen ninguén ó meu carón. Gustaríame ter unha compañeira para consolarme, pero non me queren, a xente pasa de min. Cada vez que me ven afastan os ollos coma se fora un bicho noxento; nembargantes ti es adorada por todos. Envéxote lúa, envéxote e ámote a vez. ¿Vesme lúa? ¿Escóitasme? Seguro que me ves como algo que se desfai no tempo, que me apagarei coma unha veliña. Non che son soluble ¡Non será así! A miña morte causará moita dor. Danos irreparables na xente que me precisa, en todo o que me rodea. Chegara o inevitable. ¡Dáste conta lúa! ¡Só me queren por conveniencia! Un téñote porque non hai máis remedio ¡É incrible que ligados están a min! Non podo máis. Quixera que me mirara a xente, así de extasiados como cando te ollan a ti; que loitaran por poñerme unha bandeira; que os poetas se inspiraran vendo os meus rizos dourados; quixera que me tiveran máis estima porque non podo durmir, non teño noite e o único a quen teño preto é a túa visión que me entolece. Estou só, son un solitario, acabarei solteiro. Ti non me falas e a miña declaración amorosa semella soliloquio. ¿Estarei toleando? Resulta irónico, pero a única vez que me admiran é cando te pos enriba miña, xa sabes, cando facemos eclipse. Esto enfuréceme... pero gústame ó mesmo tempo... ¿intentámolo de novo? (SOLución) 15/03/2005 12:34 Enlace permanente. Hay 3 comentarios. 16/03/2005Carpir días ( I )¡Foi desesperante! O reloxo feriume os tímpanos da ánima. Os segundos coma gotas de auga e o seu tictac como trono enxordecedor. Silencio. Inexorable transcorrer. Comezo este diario cun “ola” e séguelle un “ata logo”, porque non dá para máis esta realidade. O día pasou nun suspiro como pasa o alento da vida: nun carpir, nun xanto que rabuña, un carpir días. Carpe diem ( I ) Dubido dos meus ollos. Non sei se están abertos ou pechos. Nunha danza sideral o sol quenta nas antípodas e a noite cérnese sobre min. Sentado na beira dun río, en total soidade, escoito a auga que camiña con lentitude. Nun aceno, por instinto, mergullo os pés nela. Sorpréndeme o morniña que está. Deixo caer o corpo sobre a herba e os verdes suspiros embárganme ca súa fragrancia. Un ente burbulla polas miñas veas, como saiba que circula polas raíces dunha árbore, reverdecendo cada parte do meu corpo e dándome alento para seguir espremendo ese delicioso zume a todo o que me rodea. Volvo a realidade. Non estou no río, estou na cama. Unha mosca rolda pola habitación sen ningún respecto por quen intenta durmir. Non importa, xa cansará. Agora estou nunha praia. No Pacífico. As ondiñas... 17/03/2005O segredo da árboreUn home moi coñecido na vila por ser persoa de certo misterio sentouse ao seu carón. Aínda que tiña moita vitalidade, todos coincidían en que era o máis ancián. Pero o que lle preocupaba a xente era a súa procedencia. Non direi aquí os contos que vagan en siseo de verbas agachadas, pois semellan mais lenda que verdade. Alí onde el andaba, un medio sorriso ía con el. Eso era de desconfiar. Un home normal non pode estar sempre feliz. Tiña que haber escuridade. A imaxe era de antagonismo. O vello con aquel sorriso radiante e a muller, ben podería ser neta, ausente, sen vida. Como se recordara algo de súpeto, o home dixo: - ¿Sabes que? ¡Vouche contar un segredo! Ela seguía sen inmutarse, pero a el non lle parecía importar, como se comprendera. - ¿Ves esa árbore de alí? ¡É curioso como ten o peito aberto! Non sempre foi así. Farto de aguantar nesa postura estática, de aturar todo tipo de inclemencias, de sufrir soidade, decidiu marchar. Parece conto, pero non. Rachou o traxe de madeira e liscou a alma espallando moita luz – fixo un xesto coas mans, como se tivera ás-. Din que mudou a aguia. Agora voa, para ter liberdade. Desde aquela non se volveu a saber da muller. 19/03/2005Sexto sentido ( II )Fai uns días conteivos que lles deixara unha cámara a dous nenos para que fotografaran aquelo que temían. Un demo que só eles podían ver. Fixen unha presentación co resultado. Xulgade vos mesmos. Descargar. 20/03/2005¡Alí o ven! Os nenos, rama en man, tratan coma burros a todos os que se poñen diante. Eles teñen a súa festa particular e os seus pais a ledicia de facelos sorrir. Por suposto, onde hai sorriso, ten que haber bágoas, e algún magóase de non conseguir o obxectivo: darlle a burriña. Tamén vexo pranto relixioso. Aínda que estou un pouco á marxe deste culto non dou evitado certo desacougo ao recoñecer tanto amor. A imaxe de Cristo acercándose, despois da intensa espera, ilumina os rostros. Mentres tanto, un mendicante tenta conseguir a gracia de Deus, mediante a caridade cristiá de algúns e a hipocrisía doutros. Outro grupo, coma min, observamos a variedade de ánimas que vagan na romaría. Son agnóstico, pero creo que voltarei para o ano. 20/03/2005 18:19 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. 21/03/2005Os benvidos de marzo Espreguízase a natureza e co seu boquexo espalla as súas fragrancias tralos pasos de Perséfone, a personificación da primavera, que despois de seis meses estende os seus brazos. Tralo seu camiñar as flores van saíndo baixo os pes divinos e unha luz cálida substitúe o xélido inverno que este ano asoballounos co seu alento polar. Cun sorriso da deusa os namorados deséxanse abrazos e mergúllanse na intimidade baixo a luz de Venus.Nunha danza de luz e cor, os pasos da divindade tropezan ca terra dos mil ríos. Alí onde esperaba fermosura había sequidade e montes queimados. Parou a súa actividade, e alzando os brazos en actitude desoladora, o ceo escureceuse e comezou a chorar. Sorprendendo as delicadas formas de Flora na súa primeira colleita. 21/03/2005 23:08 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 22/03/200522/03/2005 20:21 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 22/03/2005 20:14 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 22/03/2005 20:16 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 22/03/2005 20:17 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. Retratos de hoxe, trala choiva de onte22/03/2005 20:19 Enlace permanente. Hay 3 comentarios. 25/03/200525/03/2005 14:27 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 25/03/2005 14:24 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 25/03/2005 14:28 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. A procesión A cruz desdebuxada collía forma segundo os redobres ían en crescendo. As pombas, co estrondo, emprenderon axitado voo; coma aladas representacións do Espírito Santo, ollaban á xente amorearse na beirarrúa. Algúns nenos fitaban o ar, espreitando unha abstracción da realidade, e que pantasmas fixeran aparición; un grupiño, sinxelamente, choraba.Algúns turistas, cuxa cámara semellaba unha extensión ocular, tiñan a rúa por alfombra vermella, e os confrades por estrelas. Un home, trala súa corneta, arrecía en bágoas, adoecendo co peso da crucifixión; outro, baixo a escuridade do capirote, maldicía a carga do madeiro tanxible. Ningún ruín, ningún santo; nembargantes, nos anónimos había diferentes sentires: os carnavalescos acenando aos coñecidos, os penitentes desexando ser perdoados, os agradecidos ca súa feliz iluminación... Mentres tanto nalgún lugar da África, en procesión, cos pés nus, escuras figuras camiñaban; tiñan o loito tatuado na pel. Unha nai, desfeita en laios, daba enterro o seu meniño, que non chegara a degustar o mel da vida. 25/03/2005 02:42 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 26/03/2005 Lúa fantasmagóricaCarpir días ( II )Non aturo sesenta latexos na mesma postura. Só me queda facer coma os vampiros: cabeza abaixo. As sabas mancan a pel e os ácaros están a facer po cos pensamentos. Chámolle insomnio, pero semella tolemia. O silencio é enxordecedor. ... Nun acceso de furia salto da cama para desfacer as teazas que se cernen sobre min. Todo en balde. Vístome nerviosamente e decido dar un paseo ao río. Quero abrir as ventás da cabeza e que non medre mofo no maxín. No alto, a lúa recébeme con fantasmagórica face e a beira do río está ateigada de farois, que lembran un camiño de ánimas. Outra noite de lobos. 28/03/2005Carpe diem ( II )Cada átomo da rede, que tece a realidade, prodúceme unha sensación pracenteira. A alma mestúrase nesa rede, e roza os fíos da teaza coma pinguiñas que se bican sen gravidade, provocando en ela vibracións de harmoniosas sinfonías. Como non quero que remate o día, deixo o leito, para aproveitar un anaco de noite. A lúa recébeme cun veo, ocultando un cheo sorriso; e os farois asemellan un camiño de estrelas, ao alcance da miña man. |
Soños dun Pergamiño Neste espazo mergullareime para compartir pequenos retratos da realidade, que en poucos casos darán reflexo do meu diario sentir. Agardo que os protagonistas sexan os vosos comentarios e a musicalidade desta fermosa lingua.
TemasArchivosEnlaces |